Ir o contido principal
STG

Vixiar o SARS-CoV-2 a través da análise de augas residuais, outra das metas de Sumo Valor

Jesús López Romalde é o responsable desta investigación que recibe o apoio de Sumo Valor
Jesús López Romalde é o responsable desta investigación que recibe o apoio de Sumo Valor
A investigación financiada ao abeiro do programa de micromecenado da USC adquire unha gran relevancia á hora de coñecer como está a repercutir a vacinación na evolución da pandemia “porque aínda se descoñece se as persoas vacinadas transmiten a enfermidade”, explica o profesor Jesús López Romalde
Santiago de Compostela

O profesor da USC Jesús López Romalde, dende o Centro Singular CRETUS, leva meses profundando na vixilancia do SARS-CoV-2 en augas residuais como ferramenta para a predición e control da diseminación da pandemia entre a poboación. Segundo o equipo investigador da USC, nos vindeiros meses, estas análises terán unha gran relevancia para coñecer como está a repercutir a vacinación na evolución da pandemia “porque aínda se descoñece se as persoas vacinadas transmiten a enfermidade”, afirma Romalde.

“Levamos moitos anos estudando os virus que se transmiten polas vías oral e fecal, responsables de enfermidades como a gastroenterite”, explica. “Cando empezou a pandemia descubriuse que o SARS-CoV-2 detectábase nas feces, co cal o material xenético do virus estaba presente nas augas residuais, e a nivel mundial os equipos que traballamos neste eido axiña nos puxemos en marcha para ver como podiamos axudar a controlar a expansión da pandemia mediante a análise das augas, co fin de predicir brotes na poboación”, continúa Romalde.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica contactou con catro grupos a nivel estatal que investigan no ámbito da epidemioloxía en augas residuais, entre eles o da USC, outro da Universidade de Barcelona e dous do CSIC (IATA de Valencia e CEBAS de Murcia); co obxectivo de que estudasen no conxunto de España as plantas de tratamento de augas residuais para coñecer as cargas do virus. Este proxecto, aínda activo, iniciouse no mes de xullo do pasado ano e co tempo foron incorporándose novas estacións depuradoras de todo o país, un total de 38 nestes intres. No caso de Galicia forman parte do proxecto as EDAR de Ourense, Lugo e Vigo. Estase a analizar tamén a EDAR de Santiago de Compostela, neste caso froito dun convenio con Augas de Galicia, Viaqua e a Consellería de Sanidade.

Antelación de sete días

Os catro equipos traballan en colaboración e lograron optimizar os métodos para levar a cabo a concentración e extracción do virus en augas residuais, o que lles permite cuantificar de xeito fiable que cantidade de virus hai. Nesta liña, o profesor Romalde salienta que é posible predicir a incidencia do virus na poboación cunha antelación de sete a dez días. “Detectamos que os momentos de maior número de poboación afectada pola enfermidade coinciden cunha maior cantidade de virus nas augas residuais”, apunta. “Por exemplo, entre o 18 e o 22 de xaneiro empezou a diminuír a incidencia, e as augas indicaban unha tendencia descendente”, continúa. Ademais, os investigadores xa deseñaron un método para poder identificar as diferentes variantes do virus porque “é importante tamén saber a proporción de variantes que hai entre a poboación”.

Os investigadores aseguran que “a análise das augas residuais como ferramenta de predición e control da evolución da pandemia é un sistema moito máis doado, estable e económico que realizar cribados masivos entre a poboación”. Ademais, estas análises poden sectorizarse por barrios e ir acoutando as zonas de maior incidencia do virus, mesmo poden concretarse dun xeito máis específico como nos colectores das residencias de maiores ou das residencias universitarias. “É un sistema que funciona, que é realmente preditivo, e permite tomar medidas de control temperás”, sinalan.

Microdoazóns

A USC ten en marcha o programa de micromecenado ‘Sumo Valor’, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social. Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.

Neste senso, Romalde indica que “o financiamento que estamos a recibir para poder desenvolver as nosas investigacións é moi limitado. Para nós o financiamento é de vital importancia de cara a poder avanzar en novos métodos que nos permitan, por exemplo, detectar novas variantes do virus nas augas e ser cada vez máis rápidos e precisos. Por iso iniciativas como o programa de micromecenado 'Sumo Valor' da USC son transcendentais para a investigación. Agradecemos moitísimo que a poboación se implique con nós porque a finalidade do noso traballo é conseguir facer fronte ao virus, que nos afecta a todos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2021.