Un volume editado pola USC e o Consorcio pon en valor o teatro universitario compostelán no tardofranquismo
A Universidade de Santiago e o Consorcio presentaron este martes no Museo do Pobo Galego a publicación Lembranzas a escena. Un labor teatral (Santiago de Compostela, 1958-1967), obra de Ezequiel Méndez Vidal.
Asistiron á presentación o reitor da USC, Antonio López; a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, Concepción Losada; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez; e os responsables dos departamentos de publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco Valdés e Juan Conde Roa, respectivamente. Ademais, o historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez leu un escrito realizado polo autor para a ocasión.
O volume contén as detalladas memorias do intenso labor de interpretación e dirección teatral desenvolvido polo autor Ezequiel Méndez Vidal no ámbito universitario compostelán durante os difíciles tempos do tardofranquismo, cando calquera actividade de dinamización cultural, fóra dos estreitos límites que a ditadura impoñía, era mirada con desconfianza, cando non coa certeza de que agochaba actividades “subversivas”.
A intención da obra é lembrar, render homenaxe e poñer en valor para as xeracións actuais o compromiso, valente e xeneroso, dunha xeración de homes e mulleres que, talvez sen eles sabéreno, estaban construíndo o futuro. A publicación rememora momentos de gran valor histórico como a estrea en Galicia da obra de Castelao “Os vellos non deben namorarse”, na compostelá Praza da Quintana o 25 de xullo de 1961, na que o autor participou interpretando o papel do boticario Saturio.
O autor
Ezequiel Méndez Vidal (Santiago de Compostela, 1941), é licenciado en Filosofía e Letras (rama de Historia) pola Universidade de Santiago. Nos seus anos de estudante universitario desenvolveu un intenso labor teatral, do que dá conta este libro. Simultaneamente, en 1961 fundou, organizou e dirixiu o Cine Club Universitario e comezou unha longa carreira como crítico de cine na prensa local (La Noche e El Correo Gallego, xornais dirixidos daquela por Raimundo García Domínguez, Borobó).
Xunto co profesor Gonzalo Anaya e Enrique Banet, creou a produtora Equipo 64, para realizar documentais sobre Compostela e Galicia. En 1967, montou unha empresa de distribución de libros con case cincuenta editoriais (Alianza, Ciencia Nueva, Fondo de Cultura Económica, Siglo XXI, Tecnos, Península, Cuadernos para el Diálogo, Ariel, Akal…), que aínda existe hoxe en día, con nome diferente e con outras editoriais.
Entre 1974 e 2003 a súa traxectoria profesional estivo intimamente ligada a postos de máxima reponsabilidade no sector editorial. Dende 2007 goza da súa xubilación en Madrid. En 2024 foi nomeado Fillo Predilecto polo Concello de Santiago de Compostela.