Ir o contido principal
STG

Xa está aberto o prazo de matrícula do IV Curso de Formación para Informadores de Oficinas de Turismo e Guías do CETUR

Cunha carga lectiva de 50 horas, o Centro de Estudos e Investigación Turística da USC (CETUR) organiza o IV Curso de Formación para Informadores de Oficinas de Turismo e Guías que se desenvolverá o vindeiro mes de marzo, os xoves e venres en horario de 16.00 a 21.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Para formalizar a matrícula, as persoas interesadas deben contactar co CETUR no correo cetur [at] usc.es (cetur[at]usc[dot]es). O programa contempla unha ampla programación teórica na que se prestará atención á visión de Galicia proxectada a través do cinema ou ás relacións entre literatura e paisaxe na comunidade. Os museos galegos e a súa relación co turismo e as paisaxes naturais son outros dos argumentos aos que atenderá o curso, no que tamén haberá espazo para as novas tecnoloxías aplicadas ao turismo, a eno-gastronomía e a interpretación da vida mariñeira e das paisaxes rurais. As persoas inscritas recibirán o correspondente certificado de asistencia, homologado pola Xunta de Galicia, para o que é obrigatorio asistir como mínimo ao 80% das horas programadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2012.