Novo ‘Xa que pasas...’ do Espazo de Danza da USC
O Espazo de Danza da USC pon en escena a vindeira semana un novo ‘Xa que pasas...’, un proxecto de interacción entre a danza e a vida cotiá universitaria coa intervención en diferentes ambientes dos campus universitarios de Santiago. A actuación nesta ocasión será o luns 23 ás 12.50 horas na Facultade de Filoloxía coa coreografía ‘Mentres tanto un segundo’ da Compañía de Danza USCompostela que dirixe Juan Carlos Zahera. Na peza, con coreografía de Xiana Vilas, as seis intérpretes emprenden unha viaxe por lugares onde non existe o tempo, lugares que moitas veces sen darnos conta estamos a compartir. ‘Xa que pasas...’ Este programa de danza, que ten o seu inicio en 2007, converte distintos espazos de facultades onde transita a comunidade universitaria en escenarios improvisados de pequenas intervencións coreográficas.