Ir o contido principal
STG

Xa se poden presentar obras ao concurso ‘CreArte na Universidade’

Pinceis
Esta é unha convocatoria de temática libre aberta a toda persoa interesada. Foto: Pixabay
O prazo de presentación de obras, aberto a calquera persoa interesadas e con temática libre, finalizará ás 14.00 horas do 24 de marzo

Ao concurso ‘CreArte na Universidade’ poderán concorrer calquera persoa cunha obra de temática libre creada entre xaneiro de 2022 e marzo de 2023. As propostas achegadas a concurso deberán ter unhas dimensións comprendidas entre 50x50 centímetros e 120x120, que deberán presentarse enmarcadas cun listón cun ancho máximo de 3 centímetros ou sen enmarcar pero sobre un bastidor. O prazo de presentación finalizará ás 14.00 horas do 24 de marzo. As obras seleccionadas polo xurado formarán parte dunha exposición temporal que se instalará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais durante os meses de abril e maio deste ano.

Esta é unha iniciativa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais creada en 2011, que entronca coa aposta do centro a prol do fomento da arte galega, prestándose como depósito ou adquirindo durante moitos anos obras de arte a disposición dos membros da comunidade universitaria e o público xeral. A convocatoria dunha nova convocatoria de CreArte, coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, busca acrecentar o apoio á creación artística e ao coleccionismo prestando especial atención á arte como elemento fundamental para o crecemento persoal no seu máis amplo sentido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2023.