‘O xadrez, as progresións e a rapaciña de Friol’ gaña o concurso ‘Explícoche Matemáticas 2.0’
O vídeo titulado O xadrez, as progresións e a rapaciña de Friol gañou a terceira convocatoria do concurso da Facultade de Matemáticas ‘ Explícoche Matemáticas 2.0’ na categoría de ESO e Bacharelato. O premio da categoría de estudantes universitarios ficou deserto. Andrea Ayaso Agrafojo, Xeila Vázquez Sánchez e Juan Arias Arias, de 4º de ESO do IES do Camiño (Palas de Rei) realizaron o vídeo gañador coa titoría do profesor Manuel Vilariño. A súa proposta acadou o premio pola súa eficacia para explicar a diferenza entre os conceptos de progresión aritmética e progresión xeométrica ao gran público, así como pola súa calidade lingüística.
Pola súa banda, Punto de inflexión foi o vídeo mellor valorado polos/as internautas, que puideron visualizar os once traballos finalistas e valoralos na canle da Facultade de Matemáticas. No momento en que o xurado pechou o prazo para as valoracións nesta modalidade, o vídeo das alumnas de 2º de bacharelato do IES de Arzúa, Aldara Gómez Sánchez, María Prado Fernández e Eva Vázquez Mato, que teñen como titor o profesor Miguel Ángel Rodríguez-Gigirey, acumulaba 919 visualizacións e 500 votos, polo que terá o recoñecemento oficial como vídeo mellor valorado polo público. Explícoche Matemáticas 2.0 Explícoche Matemáticas 2.0 é un concurso cuxo obxectivo era promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través darealización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. Dirixíase ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia. O concurso conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e convócao a Facultade de Matemáticas a través da súa Comisión de Normalización Lingüística. Nesta ocasión, o xurado estivo composto por Celso Rodríguez Fernández (presidente), Alberto Cabada Fernández, Rosa M. Crujeiras Casais, Pilar García Agra, Alberto Rodríguez Casal, Carmen Trillo Sendón, Isabel Vaquero Quintela e Mª Elena Vázquez Cendón.