Ir o contido principal
STG

Xesús Alonso Montero entregou parte do seu legado literario á USC

Elias J. Torres e Xesús Alonso Montero no Colexio de Fonseca
Elias J. Torres e Xesús Alonso Montero no Colexio de Fonseca

Xesús Alonso Montero entregou á Universidade de Santiago tres manuscritos autógrafos e as respostas de catros enquisas lingüísticas nun acto literario que presidiu o vicerreitor de Cultura Elias Torres. Tamén asistiron o director académico do Servizo de Publicacións da USC, Antonio Azaustre, e a presidenta da Comisión de Bibliotecas e Arquivos, Helena de Carlos.
No evento, Alonso Montero, catedrático xubilado da institución docente, sinalou que os textos doados son, polo seu contido, representativos do seu labor filolóxico. Así, tratan o universo político da problemática da lingua galega no franquismo e un achegamento ao universo marxista de certos escritores galegos.
Pola súa banda, Elias Torres agradeceu ao protagonista do acto a súa entrega nestes tempos nos que “xa se pode obrar con liberdade grazas á aquela actividade académica na que participou o propio Alonso Montero” e que “sentou ás bases da actual Universidade”.
Un libro e dúas conferencias son os documentos autógrafos facilitados. A obra titúlase A batalla de Montevideo (Os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954) e foi publicada pola Editorial Xerais en 2003.
En canto ás conferencias, ambas as dúas leunas o seu autor en actos solemnes da Universidade. A primeira intervención, Literatura: Lección de clausura, pronunciouna no Paraninfo da USC o 25 de febreiro de 2002 na súa lección de despedida. A segunda, proferida no Colexio de Fonseca o 3 de febreiro de 2005, leva por título Dous días na vida de Lorenzo Varela, exiliado republicano en Buenos Aires.
Alonso Montero tamén entregou os mil catrocentos vinte folios de respostas a catro enquisas lingüísticas (1958, 1967, 1969), relativos sobre todo ás dúas últimas. Dito material permanece “na súa maioría inédito”, segundo explica o seu responsable. No fondo documental, hai textos impresos que ilustran algún aspecto do correspondente estudo.
Alonso MonteroXesús Alonso Montero, catedrático xubilado da USC, destaca no campo da sociolingüística con libros como O porvir da lingua galega ou o polémico Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), entre outros.
Ademais, publicou estudos sobre escritores galegos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro. Da literatura española abordou figuras como Antonio Machado, García Lorca, Unamuno e o propio Valle-Inclán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2008.