Ir o contido principal
STG

O XI Encontro de Didáctica da Historia Económica revisa a incidencia neste ámbito da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior

O encontro inaugurouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (Foto: SERVIMAV-USC)
O encontro inaugurouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (Foto: SERVIMAV-USC)

Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC este xoves e o venres 27 o XI Encontro de Didáctica da Historia Económica reune docentes e expertos/as de diversas universidades españolas que abordarán as oportunidades e problemáticas da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. A cita serve para analizar diferentes propostas de interese sobre a docencia neste ámbito e para a presentación de novos recursos, experiencias metodolóxicas ou situacións de avaliación, entre outros. O programa para o encontro aborda en mesas e sesións diversos aspectos como o protagonismo das crises económicas na ensinanza da historia económica, a docencia desta disciplina nos grados bilingües, os programas de doutoramento, as posibilidades e limitacións dos cursos e aulas virtuais. O encontro tamén servirá para dar a coñecer os resultados da enquisa sobre a Área de Historia e Institucións Económicas na universidade española. A xornada deste xoves contemplou dúas sesións paralelas sobre a avaliación das competencias dos universitarios e o novo protagonismo das crises económicas no ensino da historia económica e completarase coa presentación de manuais e recursos didácticos da Asociación Española de Historia Económica. O venres 27, o encontro reanudarase ás 9.00 horas cunha sesión sobre a historia económica nos graos bilingües das universidades española, con especial atención á realidade, os desafíos e remedios da docencia do EEES, e unha mesa de debate sobre as escolas de doutoramento e os novos doutorados. Continuará con outras dúas sesións que tratarán as posibilidades e limitacións das aulas e cursos virtuais e as propostas de contidos. A xornada matinal completarase coa presentación do informe preliminar dos resultados da Enquisa sobre a área de Historia e Institucións Económicas na universidades española. Pola tarde, dende as 15.30 horas, será a quenda da análise sobre Historias Económicas Rexionais e sobre os problemas e retos na aula. O programa rematará cunha mesa sobre o estado actual e os retos do ensino da historia económica. A cita serve para analizar diferentes propostas de interese sobre a docencia neste ámbito (Foto: SERVIMAV-USC)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2014.