Ir o contido principal
STG

O XIII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC continúa esta fin de semana coa participación de agrupacións de Lituania, Brasil, México así como españolas

O XIII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC continúa esta fin de semana a súa programación coa participación de agrupacións de Lituania, Brasil, México, así como de Ourense, Sevilla e da propia USC.
No Campus de Santiago, as próximas citas teatrais comezarán este sábado, día 24, ás 19:00 horas coa representación na Sala Roberto Vidal Bolaño da obra ‘Incubadora’ de Iván Andrade a cargo do Departamento de Artes Cênicas da USP (Brasil). Deseguido, ás 21:30 horas no Teatro Principal Maricastaña, Aula de Teatro Universitaria de Ourense, representará ‘Unicornio’ de Fernando Dacosta.
O grupo Teatro Estudio Papelé, da Universidade Técnica de Vilnius Gediminas (Lituania) iniciará a programación do domingo 25 coa estrea de ‘Kostiumas (O traxe)’ segundo o relato de Ray Bradbury O marabilloso traxe de cor vainilla, con adaptación de Olegas Kesminas. A cita será ás 19:00 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño, habendo unha segunda posibilidade de asistir á función o luns 26 co mesmo horario.
Tamén o domingo 25, a agrupación La escalera Teatro, Aula de Teatro da Universidade Pablo Olavide (Sevilla) encargarase da representación de ‘Soliloquios’, sobre textos de Darío F oe Franca Rame, a partir das 21:30 horas no Teatro Principal.
A Escola de Literatura Dramática e Teatro da Universidade Nacional Autónoma de México será a protagonista o luns 26 da posta en escena de ‘Clotilde en su casa’, de Jorge Ibargüengoitia. A función está prevista para as 21:30 horas no Teatro Principal.
Campus de LugoAs funcións previstas para esta fin de semana no Campus de Lugo desenvolveranse no Círculo das Artes e no Auditorio Gustavo Freire. A primeira cita será o sábado 24 ás 18:00 horas no Círculo das Artes coa estrea da obra ‘Pirula no Vertedoiro’, de Marcelino de Santiago ‘Kukas’, interpretada pola Compañía de Marionetas da USC-Lugo. Deseguido, ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire, a Escola Municipal de Culleredo, Casahamlet, interpretará ‘O cuarto do príncipe’, de Manuel Lourenzo.
A compañía de teatro Os Outros, do Departamento de Artes Cênicas de São Paulo (Brasil), levantará o pano do domingo 25 ás 18:00 horas no Círculo das Artes para representar a obra ‘Holocausto’. Seguiralle a función prevista para as 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire e na que Núcleo Risco, tamén do Brasil, trae a escena a obra ‘Incubadora’.
‘A doncela guerreira’, de Rafael Dieste, será a obra que o grupo Monicreques de Kukas representará o luns 26 ás 18:00 horas no Círculo das Artes. Ese mesmo día, ás 21:00 horas no Gustavo Freire, a Compañía de Teatro da USC levará a escena ‘Trufaldino servidor de dous amos’.
A programación do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC estenderase ata o vindeiro martes 27 en Compostela e ata o mércores 28 en Lugo. A entrada ás distintas funcións, tanto en Compostela como en Lugo, é gratuíta previo paso polo despacho de billetes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2007.