O XIV Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica reúne este venres en Medicina a douscentos profesionais da especialidade
Máis de douscentos especialistas en endocrinoloxía pediátrica asisten este venres, 13 de abril, na Facultade de Medicina ao XIV Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica, organizado pola Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica, Crecemento e Adolescencia que dirixe o catedrático e director do Departamento de Pediatría da USC Manuel Pombo Arias. A inauguración terá lugar ás 9:00 horas no Salón de Actos da Facultade baixo a presidencia do decano do centro, José María Fraga Bermúdez, e coa asistencia do xerente do Complexo Hospitalario Universitario, Jesús Caramés, o presidente de SOPEGA, Sánchez Lastres, e o propio Manuel Pombo.
O curso desenvolverase arredor de catro mesas redondas nas que se analizarán diferentes temas relacionados coas áreas máis actuais dentro da especialidade como son, na xornada matinal, a diagnose precoz do hipotiroidismo conxénito e o seu seguimento, así como os trastornos derivados da presentación dun desenvolvemento puberal adiantado ou retrasado.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, tratarase a valoración da talla baixa e como se poden afrontar actualmente estas situacións nas que aínda non se detectou a alteración que as condiciona. A última cuestión a debater será a do retraso de crecemento intrauterino, unha entidade na que se engloban aqueles nenos que nacen pequenos en relación ao tempo de embarazo e dos cales un 10% aproximadamente van quedar cunha talla comprometida ao alcanzar na vida adulta, talla que queda por baixo dos límites admitidos como normais e que hoxe pode evitarse recorrendo ao tratamento con hormona de crecemento, unha indicación aprobada aínda recentemente.
A conferencia de clausura deste encontro terá lugar ás 19:30 horas e correrá a cargo do profesor Raúl Calzada, xefe do Servizo de Endocrinoloxía do Instituto Nacional de Pediatría de México e presidente da Sociedade Mexicana de Endocrinoloxía Pediátrica, que falará sobre ‘Diabete mellitus: o seu manexo durante a puberdade’.
Entre o claustro de académicos e profesionais convidados figuran o doutor López-Canti, de Sevilla; o profesor Cañete, de Córdoba; o doutor Mayayo, de Zaragoza; e o profesor Rivas Crespo, de Oviedo; xunto con numerosos relatores galegos.