Xoán Ramón Doldán García repetirá como decano de Ciencias Económicas e Empresariais

O profesor Xoán Ramón Doldán García será decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais por outros catro anos máis logo das eleccións celebradas o pasado 25 de novembro e nas que obtivo 59 votos a favor dos 63 emitidos. Nas votacións rexistráronse 3 votos en branco e 1 nulo.
O decano traballará coa vontade de colaborar para que se continúe avanzando na obtención de “maiores cotas de calidade na docencia, fortalecer a coordinación a diferentes niveis (materias, cursos e titulacións) e potenciar a participación da Facultade nas iniciativas e actividades de formación e innovación docente”, explicou. Outros dos retos do profesor Doldán son reivindicar e traballar para unha ampliación dos efectivos do persoal docente e investigador (PDI) e do persoal de administración e servizos (PAS), da mellora nas súas condicións de traballo, da súa estabilización e promoción profesional, “apostando polo necesario rexuvenecemento do cadro de traballadores/as”.
“Procurar a obtención de maior financiamento para a Facultade e realizar unha xestión dos recursos do xeito máis eficaz posible co fin de mellorar e ampliar a dotación do equipamento, da infraestrutura e dos servizos ofrecidos dende o noso centro” conforma outro dos obxectivos do decano, xunto con traballar para conseguir unha maior participación do estudantado, principalmente nas aulas, pero tamén nas actividades que se desenvolven nela ou no conxunto da USC e que contribúen á súa formación persoal. Traballar para “unha maior proxección na sociedade, a nivel estatal ou internacional” completan os retos para este novo mandato.
Currículo
Xoán Ramón Doldán García é profesor no Departamento de Economía Aplicada. Ten sido director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) entre 2005 e 2008; presidente do Comité Executivo da Plataforma Tecnolóxica Galega de Enerxía (ENERXE) entre 2007 e 2008, así como presidente do padroado da Fundación Sotavento Galicia entre 2005 e 2008 e do consello de administración de Sotavento Galicia SA no mesmo período. Ademais foi membro do consello de administración da Sociedade Enerxía de Galicia (ENGASA) de 2006 a 2008. Actualmente é vicepresidente da Asociación de Economía Crítica. Foi co director do grupo de Economía pesqueira e recursos naturais da USC e actualmente é membro do de Economía ecolóxica e dos recursos naturais, tamén da USC.
Ademais de ex presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España é o coordinador do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, un Regional Centre of Expertise (RCE) en educación para o desenvolvemento sustentable do RCE Network da United Nations University. As súas liñas de investigación son a economía ecolóxica, a dos recursos naturais e a da enerxía; o metabolismo socioeconómico, as contas do patrimonio natural ou o transporte sustentable.