Ir o contido principal
STG

Xogadoras, comunicadoras e creadoras de videoxogos toman a palabra no seminario CO(M)XÉNERO da USC

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Os días 18 e 19 de novembro a Facultade de Ciencias da Comunicación será espazo de reflexión sobre os estereotipos sexistas que perduran neste sector
Santiago de Compostela

O Seminario Permanente de Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO da USC da voz ás mulleres que fan dos videoxogos a súa paixón e a súa profesión. Pioneiras galegas, docentes, investigadoras, programadoras, artistas e tamén divulgadoras estarán os días 18 e 19 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación para falar das súas experiencias e repensar as formas nas que o sexismo persiste no sector.

A asistencia ás xornadas é de balde previa inscrición na web do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC (www.estudosaudiovisuais.gal), organizador do seminario en conxunto coa Oficina de Igualdade de Xénero da universidade. O prazo remata este venres 15 de novembro.

Participan como relatoras neste terceiro CO(M)XÉNERO Nieves R. Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña e Premio Nacional de Informática 2019; e Dhaunae De Vir, desenvolvedora de negocio transmedia en Paradox Interactive, empresa responsable de éxitos como o Europa Universalis, o Crusader Kings ou os populares xogos de vampiros e lobishomes ambientados no World of Darkness (Mundo das Tebras). Xunto a elas compartirán vivencias María Fernández Hermida, creadora e iluminadora de escenarios virtuais para videoxogos e embaixadora da asociación internacional Women in Games; e Marina Amores, comunicadora audiovisual especializada en videoxogos e xénero e coordinadora de Protesto! (AnaitGames, 2018) o primeiro libro en castelán que aborda os videoxogos cunha perspectiva feminista.

No seminario haberá tamén sesións de proxeccións e debate ao redor de pezas audiovisuais que pescudan as formas nas que o sexismo se manifesta dentro e fóra dos xogos amais de obradoiros cos que desbotar estereotipos e aprender a facer videoxogos para todas e para todos. Luz Castro Pena, profesora especializada en creación dixital da Universidade da Coruña e co-fundadora de imaxin|software; Beatriz Legerén Lago, docente especializada en deseño e creación de videoxogos na Universidade de Vigo e Olaia Ferrando, investigadora, deseñadora UI/UX e ilustradora, serán as encargadas de impartilos.

Acó xogamos todas

Os eSports ou deportes electrónicos serán os protagonistas o martes 19 de novembro na última xornada do CO(M)XÉNERO. Xogadoras galegas reunidas especialmente para a ocasión medirán as súas forzas con outro equipo competitivo español nun pequeno torneo de exhibición de Overwatch que se celebrará no Auditorio da Facultade.

Será ademais a primeira partida de eSports retransmitida e narrada en lingua galega. Os comentaristas —ou 'caster', como se lles chama na contorna dos eSports— serán Javier Martínez Vidal, máis coñecido como 'Gamer Vidal', e Minia 'Samku' Monteagudo, ambos integrantes de Titan Media, empresa responsable directa da retransmisión das competicións de Overwatch en español.

O torneo e o debate final do seminario poderá seguirse en streaming a través da plataforma de YouTube nesta ligazón.

Premio á introdución da perspectiva de xénero na USC

Coordinado pola directora do Grupo de Estudos Audiovisuais, a catedrática Margarita Ledo Andión, e a docente e investigadora da USC, Marta Pérez Pereiro, o CO(M)XÉNERO está dirixido a estudantes de comunicación, investigadoras e investigadores en formación, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar os medios e as industrias culturais e creativas dende unha lectura crítica. Pola súa relevancia como acción docente innovadora, o CO(M)XÉNERO foi distinguido este ano nos X Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da a USC.

Esta terceira edición do seminario está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade) e da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2017 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.