Ir o contido principal
STG

Unha xornada de enfermaría aborda no HULA a formación e a aprendizaxe para coidar persoas doentes

Asistentes ás xornadas de enfermaría 'Formar e aprender para coidar', no HULA
Asistentes ás xornadas de enfermaría 'Formar e aprender para coidar', no HULA
Máis de 350 asistentes, entre estudantes, profesores e profesionais sanitarios participan no foro organizado pola Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo

A formación e a aprendizaxe para a prestación de coidados a persoas doentes centra a temática da vixésima edición das xornadas de enfermaría, un foro organizado pola Escola de Enfermaría do campus de Lugo da USC en colaboración coa Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, así como co Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, e no que participan máis de 350 asistentes, entre estudantes universitarios, profesores e profesionais do sector sanitario.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director xerente do HULA, Antonio García Quintáns; a directora de Procesos de Enfermaría, EOXI Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada; a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lurdes Bermello López, e a directora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo, Asunción Núñez Magdalena, participaron este mércores na sesión de apertura destas xornadas monográficas, estruturadas en distintos relatorios e mesas redondas, e no marco das que estudantes e profesionais presentarán distintas comunicacións orais e pósters, ademais de intercambiar experiencias. Na súa intervención, Javier Bueno reivindicou a educación e a sanidade como piares básicos de calquera estado que mereza a consideración de benestar, porque a saúde non entende de precariedade, dixo, para logo engadir que os servizos médicos e de enfermaría son mellores en función da cualificación e da formación acreditada polos seus profesionais. “Educación e sanidade son recursos non alimenticios de primeira orde para calquera sociedade e bens irrenunciables para as chamadas economías desenvolvidas”, sinalou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo. Programa Un relatorio co título ‘Coidado aos pacientes dende o hábito do pensamento positivo’, a cargo do experto en Saúde Mental Manuel Castellanos Tejero, serviu para abrir a quenda de relatorios deste foro. Na súa intervención, este relator puxo de manifesto como a enfermaría, desde a súa esfera, pode axudar á comunidade a ter unha pequena arma cultivando os hábitos de saúde mental que nos protexan fronte a e diversas alteracións. Unha vez rematado o relatorio inaugural, a vixésima edición das xornadas de enfermaría da Escola Universitaria de Enfermaría da USC serviron de marco para a presentación da ‘Guía de enfermaría para a administración oral de medicamentos’, un documento elaborado por enfermeiras da Unidade de Medicina Interna do HULA, no que se recollen as recomendación das técnicas máis convenientes para a administración oral das distintas presentacións farmacéuticas, así como as posibles incompatibilidades dos medicamentos cos alimentos, manipulación especial e grupo terapéutico do fármaco segundo a clasificación ATC (Sistema de Clasificación Anatómica, Terapéutica, Química). Esta publicación inclúe ademais toda a información dispoñible na actualidade e verificada para poder levar a cabo correcta administración, garantindo a biodispoñibilidade do medicamento e a seguridade tanto do paciente coma do profesional que o manipula e administra. A temática da primeira das mesas redondas desenvolvidas neste foro centrou a súa temática na importancia e ns beneficios que achega a investigación para o desenvolvemento da profesión, facendo visible o potencial investigador de enfermaría e fomentando a súa aplicación na práctica diaria coa evidencia na que se deben fundamentar cientificamente os coidados, adaptándoos á demanda social e tecnolóxica. Xa como colofón das xornadas, a última sesión do debate centrouse na hospitalización a domicilio, unha alternativa asistencial que consiste nun modelo organizado, capaz de dispensar un conxunto de atencións e coidados, de rango hospitalario, (tanto en calidade coma en cantidade), aos pacientes no seu domicilio cando xa non precisan a súa permanencia no hospital convencional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2015.