Xornada de orientación e inserción laboral no ámbito público na Escola Universitaria de Enfermaría
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a directora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus lugués, María Asunción Núñez Magdalena, inauguran este martes 14 de marzo, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da Escola Universitaria de Enfermaría unhas xornadas de orientación e inserción laboral no ámbito público dirixidas a estudantes de últimos cursos e graduados/as en Enfermaría.
O técnico da rama xurídica da Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, Manuel Gómez López, abrirá a quenda de intervencións deste foro cun relatorio sobre a inserción laboral dos enfermeiros no ámbito público.
As axudas para actividades de posgrao da USC centrará o relatorio que ofrecerá de seguido Ramón Mazoy Fernández, técnico da área de Xestión e Valorización de I+D+i da USC. A presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello, falará neste foro sobre a colexiación dos profesionais da enfermaría, mentres que Modesto García Fernández, da Subdelegación de Defensa, e Javier Mato González, enfermeiro e tenente reservista, pecharán a xornada cunha charla sobre enfermaría militar.