A I Xornada de Portas Abertas para Docentes ‘Aproximación Psicoeducativa ás Altas Capacidades’ celébrase en Psicoloxía este sábado
A Unidade de Estudo e Investigación en Superdotación da USC colabora coa Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC) na organización das I Xornada de Portas Abertas para Docentes ‘ Aproximación Psicoeducativa ás Altas Capacidades’. Unha iniciativa que xorde coa finalidade de achegar información, aclarar estereotipos e compartir experiencias arredor do alumnados con necesidades específicas de apoio educativo. A cita será este sábado 17 a partir das 10.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía nun acto que presidirá o reitor Juan Casares, acompañado da presidenta de ASAC, María Dolores Martínez; da decana de Psicoloxía, Carolina Tinajero; e da profesora Carmen Pomar en representación da Unidade de Estudo e Investigación en Superdotación. Esta xornada é a resposta a un demanda crecente de demanda de información e formación por parte de docentes, equipos directivos e departamentos de Orientación de diferentes puntos da xeografía galega sobre a atención ao alumnado de altas capacidades. Como apuntan os seus promotores, a información que se porá en común nesta xornada permitirá aclarar moitos preconceptos e estereotipos erróneos sobre a percepción que se ten destes nenos e nenas. A xuntanza ofrecerá a oportunidade de propoñer e compartir experiencias levadas a cabo na aula conducentes a bos resultados na atención non só ao alumnado de altas capacidades senón á diversidade en xeral, así como a establecer un debate que favoreza o contraste de perspectivas entre os axentes implicados (familia, centro educativo, especialistas e alumnado). O obxectivo é alcanzar unha maior comprensión das particularidades deste colectivo e das referencias que permitan fixar unha resposta educativa axeitada. Os expertos neste senso subliñan que o coñecemento neste eido permitirá achegar fórmulas e pautas que eviten o fracaso escolar, ás veces frecuente cando as súas necesidades non se ven satisfeitas. Mitos e realidades sobre as altas capacidades, a relación entre superdotación e fracaso escolar ou experiencias de aula dirixidas á estimulación da creatividade do alumnado de altas capacidades son os temas que vertebran o programa deseñada para a sesión deste sábado. O broche ao encontro será unha mesa redonda que aborda o fenómeno da superdotación como unha responsabilidade compartida. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, xunto coa decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero, clausurarán o encontro. ASAC A Asociación de Altas Capacidades de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que nace en 1995 para atender as necesidades educativos dun grupo de persoas menores de idade que necesitan unha atención educativa especial para o seu desenvolvemento intelectual, físico e emocional. Esta asociación presta atención a nenos e nenas cunha atención integral da familia mediante a formación dos pais e nais e o asesoramento profesional da educación.