Xornada de portas abertas na Unidade de Atención Temperá
A Unidade de Atención Temperá da USC celebrará o vindeiro venres, 20 de abril, unha xornada de portas abertas especialmente dirixida a pais e nais de nenos e nenas que presenten síndromes minoritarios e enfermidades raras. A xornada, a desenvolver ás 12.00 horas, contará coa presenza da presidenta da Federación Española de Enfermidades Raras, Isabel Calvo, que acompañará á directora da Unidade, a profesora Mª José Buceta, e ao resto do equipo e que atenderá ás posibles dúbidas que poidan ter as familias sobre os seus fillos e fillas. A iniciativa ponse en marcha en agradecemento ao premio que a Federación Española de Enfermidades Raras lle outorgou á profesora Buceta recoñecendo o seu traballo á fronte da Unidade de Atención Temperá en favor dos nenos e nenas con enfermidades raras e necesidades educativas especiais. Para participar na xornada, totalmente gratuíta, é necesario inscribirse por correo electrónico (mjosecarmen.buceta [at] usc.es (mjosecarmen[dot]buceta[at]usc[dot]es)) ou comunicándoo na Unidade de Atención Temperá nos teléfonos 881813759 e 881813781. Máis de 2.500 menores tratados A Unidade de Atención Temperá leva máis dunha década traballando no seo da Universidade, tempo no que tratou a máis de 2.500 menores afectados por trastornos ambientais con factores de estrés, exclusión social, trastornos na linguaxe ou algún tipo de enfermidade rara, entre outros. Composta por un equipo multiprofesional do ámbito social, educativo e psicolóxico, a U.A.T conseguiu unir a docencia, a investigación e a atención aos usuarios para dar servizo a todos estes menores. A Unidade está situada na Facultade de Psicoloxía (Campus Sur) e conta con salas de logopedia, de terapia de xogo, de atención temperá, de investigación, estimulación precoz e atención psicopedagóxica.