Ir o contido principal
STG

Xornada de traballo na USC sobre a psicoloxía xurídica e forense

Especialistas en psicoloxía xurídica e forense daranse cita este mércores 18 na Universidade de Santiago para analizar a situación actual e debater sobre os retos aos que se enfrontan nos distintos ámbitos da disciplina. Este I Encontro de Psicoloxía Xurídica e Forense inaugurarase ás 16.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía coa presenza da decana da Facultade, Socorro Rodríguez Holguín. Deseguido intervirán os catedráticos da USC Ramón Arce e Jorge Sobral para explicar a transcendencia da psicoloxía forense no ámbito penal e a psicoloxía criminal e penitenciaria, respectivamente. Logo dunha quenda de debate coas persoas asistentes, a xornada dedicarase a tratar a protección de menores e a psicoloxía xurídica da familia e do menor. Participarán a catedrática da Universidade de Vigo Francisca Fariña e a presidenta da Sociedade Galega de Psicoloxía Xurídica e Forense, María Jesús Rodríguez. Esta xornada de traballo, que coordina a profesora da USC Mercedes Novo, conta coa colaboración da Universidade de Vigo e do estudantado de último curso do Grao de Psicoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2015.