Ir o contido principal
STG

As xornadas sobre actualidade xurídica que organiza Relacións Laborais chegan ao seu fin

As Xornadas sobre actualidade xurídico-laboral que organiza a Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Lugo rematan este mércores 25 con relatorios e mesas redondas que abordan temas como o traballo dos inmigrantes ou o réxime dos empregados do fogar, entre outros.
As conferencias comezarán ás 9:00 horas coa intervención do presidente do centro Europeo de Auditores Socio-Laborais, Juan Pañella Martí, sobre a auditoría laboral. Seguidamente será a quenda da profesora de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade de Vigo, Marta Fernández Prieto, quen falará sobre o traballo dos inmigrantes non comunitarios. A continuación celebrarase unha mesa redonda onde representantes de organizacións sindicais discutirán sobre os efectos da inmigración no mercado laboral galego.
A quenda de tarde comezará ás 16:00 horas con outra mesa redonda, nesta ocasión sobre o réxime especial dos empregados do fogar, na que participarán o xefe de Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo, Nicolás González Raposo; o maxistrado-xuíz do Xulgado do Social nº1 de Santiago de Compostela, Emilio Fernández de Mata; e o Catedrático da Escola de Dereito do Traballo da Universidade da Coruña, Alberto Arufe Varela. Como peche das xornadas terá lugar o derradeiro relatorio, que correrá a cargo do director xeral de Formación e Colocación da Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia, Pastor Fuenteseca Díaz, titulado ‘Servizo Público de emprego en Galicia: un novo modelo’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2007.