Ir o contido principal
STG

As I Xornadas sobre Conservación en Castros Galegos citarán na Casa do Saber o venres máis de 100 estudosos e profesionais

De esquerda a dereita, Felipe Arias, Raquel Arias, Anxo Lorenzo e Pedro García Herradón, na presentación das xornadas
De esquerda a dereita, Felipe Arias, Raquel Arias, Anxo Lorenzo e Pedro García Herradón, na presentación das xornadas
O vicerreitor Pedro García Herradón destacou o interese dun foro que tamén permite “xustificar a pertinencia” da Facultade de Humanidades do campus de Lugo

As I Xornadas sobre Conservación en Castros Galegos citarán o vindeiro venres, día 14 de xuño, na Casa do Saber de Lugo máis dun centenar conservadores, restauradores, arqueólogos, museólogos, xestores culturais e outros profesionais relacionados co patrimonio, ademais de investigadores e estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, salientou no acto de presentación deste foro, organizado polo Museo do Castro de Viladonga e a empresa BIC Materiales e Conservación en colaboración coa Universidade de Santiago, o interese da temática que abordarán os distintos relatores convidados, ao tempo que destacou que a celebración deste tipo de xornadas permite “xustificar a pertinencia” dunha Facultade de Humanidades no campus de Lugo. “A Facultade de Humanidades imparte un grao en Ciencias da Cultura e Xestión Cultual ao tempo que conta cun máster en Servizos Culturais, que é un dos posgraos da USC máis demandados”, lembrou o vicerreitor Pedro García Herradón, quen tamén destacou a integración da Facultade de Humanidades no futuro Campus Terra a través da súa implicación nas distintas accións de posta en valor do patrimonio. García Herradón trasladou os seus parabéns aos organizadores deste seminario, así como á Xunta de Galicia, representada pola súa delegada en Lugo, Raquel Arias, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, por achegar financiamento para a celebración dunhas xornadas que buscan que os técnicos e demais participantes na conservación do patrimonio cultural acorden criterios respecto das futuras intervencións nos castros. Programa das xornadas A restauradora do Castro de Viladonga, Carolina Pérez, e Marta Díaz, directora do proxecto de restauración do Castro de Viladonga da empresa BIC Materiales e Conservación, abrirán o venres, a partir das 9.30 horas, na Casa do Saber de Lugo, a quenda de relatorios das I Xornadas sobre Conservación en Castros Galegos, un simposio que se desenvolverá durante toda a xornada do venres e no que intervirán distintos técnicos e responsables da conservación dos castros de Vigo, Castrolandín (Cuntis), Baroña (Porto do Son), Castromaior (Portomarín), San Cibrán de Lás (San Amaro/Punxín), Cervantes, Monte do Facho (Cangas do Morrazo), e Besomaño (Ribadumia), segundo indicou o director do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias. Os participantes nestas I Xornadas sobre Conservación en Castros Galegos visitarán o sábado o Castro de Saá, un xacemento visitable aínda que non escavado localizado na parroquia pastoricense de Baltar, e o Castro de Viladonga, en Castro de Rei. O prazo de inscrición nestas xornadas sobre a conservación en castros galegos, un programa recoñecido por créditos de libre configuración para estudantes matriculados/as na Universidade de Santiago, permanecerá aberto ata este mércores, día 12 de xuño. As persoas interesadas poden facer a súa matrícula a través da páxina web www.castrodeviladonga2013.wordpress.com/xornadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2013.