As xornadas de enfermaría sobre calidade asistencial e de vida reúnen no Hula a máis de 350 participantes
A mellora da calidade de vida e da calidade asistencial centran a XVIII Xornada da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, un foro monográfico que reúne no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Agusti (Hula) a máis de 350 alumnos e profesionais do sector. O director xerente do Hula, Antonio García Quintáns, salientou na apertura desta xornada o acerto dos organizadores por aglutinar nun mesmo foro os tres piares sobre os que se asenta a Enfermaría, tales como son os profesionais en exercicio, que aportan a súa experiencia, a visión do Colexio de Enfermaría, que é o ente aglutinador que deseña o contexto e marco de actuación dos profesionais, e a Escola Universitaria de Enfermaría, na que se forman os futuros profesionais que, a través de iniciativas deste tipo, “teñen unha primeira aproximación coa realidade laboral”.
Esta magnífica organización das xornadas garante o seu éxito”, sentenciou García Quintáns no acto de inauguración da décima oitava edición destas xornadas de enfermería, que nesta edición se desenvolven baixo o título ‘Mellora das actitudes nos coidados: calidade de vida e calidade asistencial’. A directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, María Asunción Núñez Magdalena, incidiu precisamente no título das xornadas para afirmar que “a mellora da calidade de vida ten que ser o obxectivo de todos os profesionais e tamén da propia enfermaría”. Neste mesmo senso, a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lurdes Bermello, avogou por “actualizar a profesión para mellorar a calidade asistencia e, por conseguinte, a calidade de vida, que van da man”, dixo. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, fixo fincapé no interese da temática de debate no marco destas xornadas, ao tempo que trasladou os seus parabéns aos membros da comisión organizadora e tamén á propia Ecola Universitaria de Enfermaría, “ un centro moi especial e que depara satisfaccións para o campus de Lugo, xa que sempre cubre todas as prazas ofertas e recibe alumnos con nota de corte alta, polo que non terá problemas para superar os números mínimos de nova matrícula acordados pola Xunta de Galicia”, Ademais, engadiu o vicerreitor, “o financiamento do centro, que corre da man do Sergas, tamén está garantido”. A promoción do debate e o intercambio de experiencias e coñecementos para mellorar os coidados prestados a pacientes con enfermidades avanzadas e ás súas familias, a fin de mellorar a súa calidade de vida e o grao de benestar, constitúe un dos principais obxectivos desta xornada, no marco da que se celebrarán varias mesas redondas, ademais de expoñer numerosas comunicacións e dar conta de diversas experiencias relatadas por profesionais e estudantes. Outra das premisas destas xornadas centradas nos coidados paliativos e na mellora da calidade asistencia aos pacientes é a relacionada coa actualización de coñecementos e tamén co intercambio de información e boas prácticas orientadas a mellorar a seguridade dos pacientes en todo o que pode atinxir á prevención e ao control das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria. Programa das xornadas Unha mesa redonda sobre a mellora dos coidados ao final de vida, moderada polo médico internista do complexo hospitalario universitario de Ferrol e coordinador da liña de traballo da comisión galega de bioética sobre coidados ao final da vida, Juan Antonio Garrido Sanjuán, abre o programa das xornadas ‘Mellora das actitudes nos coidados: calidade de vida e calidade asistencial’. Nesta primeira sesión intervirán como relatores o propio Juan Antonio Garrido, que falará sobre a adecuación do esforzo terapéutico e a planificación anticipada dos coidados. O especialista en coidados paliativos e internista do HULA, Álvaro Fernández Rial ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Unha resposta ética e de calidade desde os coidados paliativos: a experiencia dun clínico’ . A atención ás persoas con enfermidade crónica e avanzada, e o novo modelo de atención paliativa será o tema sobre o que fale neste foro o coordinador do Plan Galego de Coidados Paliativos, Ángel López Triguero. Pechará este primeiro bloque de intervencións o psicólogo clínico na Unidade de Saúde Mental do Hospital da Costa-Burela, Mariano Carrero Moure, quen disertará sobre a importancia de mellorar as habilidades de comunicación dos profesionais en situacións de especial fraxilidade. Unha sesión de presentacións de comunicacións e de relato de experiencias, a cargo de alumnos e profesionais da Enfermería, que comezará ás 13.00 horas, servirá de colofón da xornada matinal. Os relatorios terán continuidade en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, coa celebración doutra mesa redonda, neste caso sobre a prevención da infección relacionada coa atención sanitaria, que estará moderada pola xefa do servizo de sistemas de calidade mellora continua do Sergas, María Dolores Martín Rodríguez. A supervisora da Unidade de Medicina Preventiva do CHUS, Isaura Martínez, ofrecerá un relatorio sobre a estratexia de hixiene de mans. Trala súa intervención, a supervisora da UCI do Hospital Meixoeiro de Vigo e coordinadora dos programas Bacteriemia Zero e Neumonía Zero, Amparo Domínguez Pereira, dará unha charla baixo o título ‘Prevención da infección nas Unidades de Coidados Críticos: Bacteriemia Zero e Neumonía Zero’. A infección relacionada coa Atención Sanitaria (IRAS) e seguridade dos profesionais centrarán a intervención neste foro de Isabel Ferreiro Cadahía, facultativa da Unidade de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUS.