Ir o contido principal
STG

Unhas xornadas en Química reflexionarán sobre as achegas desta ciencia á edafoloxía

Con motivo da celebración do Ano Internacional da Química, a delegación galega da Sociedade Española da Ciencia do Solo (SECS), en colaboración coa USC, a Universidade de Vigo e o CSIC , organiza este mércores 9 na USC unhas xornadas dedicadas a analizar as achegas da Química ao desenvolvemento da Ciencia do Solo. A edafoloxía é unha área científica caracterizada pola multidisciplinaridade do persoal investigador que nela traballa sendo a súa conexión coas ciencias químicas moi estreita, xa que o solo pode ser concibido como un reactor no se que producen moi diversas reaccións químicas que afectan ao desenvolvemento do solo como elemento dos ecosistemas, ao seu papel como subministrador de recursos e á súa función como sistema depurador. A xornada ‘A ras de solo: unha visión química da edafoloxía’ comezarán ás 10.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química coa conferencia da profesora e investigadora da Unidade AgroParisTech do Centro INRA Versailles-Grignon (Francia), Claire Chenu, titulada ‘Processes of soil organic matter stabilization at the microscale’. Continuará o profesor José Torrent, da Universidade de Córdoba, co relatorio ‘Óxidos de ferro no solo: natureza, propiedades e significado paleoambiental’. Na quenda de tarde intervirá a profesora da USC Rosa Calvo de Anta para abordar os problemas de contaminación metálica na conferencia ‘As normativas europeas na Declaración de Solos Contaminados. Importancia dos aspectos edafo-xeoquímicos’ . O acto finalizará coa intervención do profesor emérito da USC Francisco Díaz-Fierros que ofrecerá un enfoque histórico da relación entre ambas as dúas ciencias na súa intervención ‘No Ano da Química: Perspectiva histórica das súas achegas á Ciencia do Solo’. Presentación da revista SJSS No transcurso das xornadas o presidente da SECS, Jaume Porta, presentará o primeiro número da revista Spanish Journal of Soil Science (SJSS), editada por Universia en formato electrónico. A publicación, impulsada pola SECS, contén artigos científicos en inglés, español e portugués, sobre investigacións en Ciencia do Solo de todas as áreas xeográficas. En particular, SJSS pretende actuar como unha conexión científica entre as comunidades académicas e outros centros de investigación en España, Portugal, América Latina e Caribe, cuxas actividades estean dedicadas á investigación, estudo, educación e xestión do solo. SECS A SECS é unha entidade científica con preto de 500 socios dedicada a promover e difundir o estudo, a investigación e a protección do solo. A delegación territorial galega constituíse en abril de 2010 e está presidida pola profesora da USC María Teresa Barral Silva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2011.