Ir o contido principal
STG

Unhas xornadas na USC analizan a Lei de Conservación da Superficie Agraria Útil e do Banco de Terras de Galicia

A Lei de Conservación da Superficie Agraria Útil e do Banco de Terras de Galicia aprobada esta semana está a ser obxecto de estudo e análise nunhas xornadas en Ciencias Políticas a celebrar esta semana, do 14 ao 16 de maio. O encontro presta atención aos aspectos de dereito público e de dereito privado da lei, orientada a dinamizar o mercado da terra e o uso racional da superficie agraria. Para iso cóntase tamén coa participación de especialistas doutras Comunidades Autónomas que exporán a súa experiencia na materia.
As ‘Xornadas sobre a estrutura agraria e o Banco de Terras de Galicia’ inauguráronse este luns nun acto ao que asisten o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e a vicerreitora de Calidade, Dolores Álvarez. Tras o acto de apertura comezaron os relatorios, que de xeito global analizaron o Banco de Terras como instrumento de estruturación e reestruturación agraria. Así, o que abriu a quenda de intervencións foi o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido, que explicou as claves da nova Lei. Síguenlle o catedrático de Zaragoza Fernando López e o xerente do Banco de Terras do Principado Asturiano, Benigno Fernández, que contaron as experiencias das súas respectivas comunidades.
Xa pola tarde, o profesor Francisco Sineiro detallará os aspectos económicos da conservación e explotación da superficie agraria en Galicia, mentres que o catedrático Manuel Botana fará o propio coa explotación cooperativa da terra. A xornada deste luns rematará coa intervención do xefe de servizos xurídicos de Unións Agrarias, Pedro González Boquete.
O martes e o mércores as xornadas centraranse nos aspectos de Dereito Público e na xestión e propiedade privada, respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.05.2007.