Ir o contido principal
STG

Unhas xornadas na USC profundarán na economía alternativa e solidaria

Logo da aprobación e entrada en vigor en España da Lei de Economía Social, que recoñece o labor das entidades da economía social e solidaria outorgándolles valor de interese xeral á promoción, estímulo e desenvolvemento, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU) organiza en novembro en Santiago unhas xornadas sobre a cuestión. Diversos informes recoñécenlle a estas entidades a capacidade para liquidar diferentes desequilibrios do mercado laboral así como a fortaleza para potenciar o desenvolvemento local e fomentar a igualdade de oportunidades. Neste sentido, o florecemento en Galicia nos últimos anos de múltiples experiencias neste sentido (comercio xusto, cooperativismo de consumo e agrario ou banca ética) levou ao SEPIU a organizar un encontro no que se analizará a fondo o fenómeno así como as súas experiencias dende diversas visións tanto no ámbito estatal como no galego. O ‘ Curso de introdución á economía alternativa e solidaria: realidades e proxectos’ organizado en colaboración con Panxea desenvolverase na Facultade de Matemáticas entre os días 11 e 13 de novembro coa participación de representantes e responsables de iniciativas e organizacións directamente implicadas. A xornada comezará cunha introdución aos conceptos básicos da economía alternativa e solidaria a cargo dun responsable de REAS, rede de redes, que representa a máis de duascentas entidades implicadas, que presentará ‘REAS Galicia’ e a Carta da Economía Solidaria. Outros asuntos a tratar ao longo dos tres días serán as dimensións da economía solidaria (financiamento, produción, comercialización e consumo), a banca ética, o consumo e a compra pública responsable. As xornadas servirán ademais para mostrar experiencias concretas de moi diversa índole. Así, exporán as súas accións a Asociación por un Interese Solidario O´Peto; Coop´57; Fiare Galiza, banca ética; a Asociación de persoas con discapacidade; a Asociación de produtores agroecolóxicos Lentura; Arqueixal, produtos lácteos e ecoagroturismo; Mar de Lira; Ítaca Software Libre; e Armeria, cooperativa de servizos culturais. Por último, responsables de organizacións con clara vocación solidaria explicarán polo miúdo en que consiste o comercio xusto, as cooperativas de consumo, os bancos de tempo, as redes e os mercadiños de troco ou as moedas complementarias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2011.