Unhas xornadas na USC visibilizan as iniciativas de economía alternativa e solidaria en Galicia
Logo da entrada en vigor en España da Lei de Economía Social que recoñece o labor das entidades da economía social e solidaria outorgándolles valor de interese xeral á promoción, estímulo e desenvolvemento, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC organiza en Santiago un curso sobre economía alternativa e solidaria en colaboración con Panxea. Será o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, quen inaugure as xornadas este venres 11 ás 9.30 horas no salón de graos da Facultade de Matemáticas. Participan tamén na apertura Carlos Rey, representante de REAS, Red de Redes; e Gonzalo M. Gesto Quiñoy, de Panxea. Auxe en Galicia Diversos informes recoñécenlle a estas entidades a capacidade para liquidar diferentes desequilibrios do mercado laboral así como a fortaleza para potenciar o desenvolvemento local e fomentar a igualdade de oportunidades. Neste sentido, o florecemento en Galicia nos últimos anos de múltiples experiencias neste sentido (comercio xusto, cooperativismo de consumo e agrario ou banca ética) levou ao SEPIU a organizar un encontro no que se analizará a fondo o fenómeno así como as súas experiencias dende diversas visións tanto no ámbito estatal como no galego. Así, a xornada comezará cunha introdución aos conceptos básicos da economía alternativa e solidaria a cargo dun responsable de REAS, rede de redes, que representa a máis de duascentas entidades implicadas, que presentará ‘REAS Galicia’ e a Carta da Economía Solidaria. Outros asuntos a tratar ao longo dos tres días serán as dimensións da economía solidaria (financiamento, produción, comercialización e consumo), a banca ética, o consumo e a compra pública responsable. As xornadas servirán ademais para mostrar experiencias concretas de moi diversa índole. Así, exporán as súas accións a Asociación por un Interese Solidario O´Peto; Coop´57; Fiare Galiza, banca ética; a Asociación de persoas con discapacidade; a Asociación de produtores agroecolóxicos Lentura; Arqueixal, produtos lácteos e ecoagroturismo; Mar de Lira; Ítaca Software Libre; e Armeria, cooperativa de servizos culturais. Por último, responsables de organizacións con clara vocación solidaria explicarán polo miúdo en que consiste o comercio xusto, as cooperativas de consumo, os bancos de tempo, as redes e os mercadiños de troco ou as moedas complementarias.