O xurado do XI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia reúnese este venres na USC
O xurado do XI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia reunirase este venres, día 11, a partir das 17:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O premio valora ás persoas ou institucións significadas polo seu labor en prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do noso continente.
O xurado estará presidido pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, por delegación do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e composto ademais pola conselleira de Cultura e Deportes, Ánxela Bugallo; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Michael Cooper (Universidade de Karlstad, Suecia); o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Internacionalización do Instituto Tecnolóxico e de Estudos Superiores de Monterrey (México), Enrique Zepeda Busto; o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Xosé Ramón Leis Fidalgo; e o delegado da reitora da Universidade de Karlstad (Suecia), Lars Haglund. A secretaria executiva do Grupo Compostela, Beatriz Iglesias Seoane, actuará como secretario do xurado.
O premioA Xunta de Galicia e as universidades membro do Grupo Compostela poden presentar anualmente candidaturas a este premio, cunha dotación económica de 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a cuncha, símbolo milenario da peregrinación a Santiago e imaxe elixida tamén para o Grupo.
Nas anteriores ocasións os premiados foron Jacques Santer (1997), ex-presidente da Comisión Europea; Václav Havel (1998), presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling (1999); o escritor neerlandés Cees Nooteboom (2000); a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte (2001); o arquitecto portugués Álvaro Siza (2002); o investigador e catedrático da USC Manuel Díaz y Díaz (2003); o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler (2004); o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski (2005); e en 2006 o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia.