XuvenCiencia bota a andar a súa sétima edición no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo
O auditorio da Facultade de Veterinaria da USC no campus de Lugo acollerá o vindeiro luns 1 de xullo, ás 10.00 horas, a inauguración do VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación, a través do que se pretende espertar a vocación científica do alumnado preuniversitario de toda Galicia.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial, Pilar García Porto; e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, tomarán parte neste acto inaugural que servirá de punto de partida a toda unha semana ateigada de obradoiros e proxectos científico-técnicos nos que os 150 participantes en XuvenCiencia coñecerán de primeira man a oferta formativa e as liñas de investigación do Campus Terra da USC.
A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas da USC en Lugo, así como nos seus centros adscritos, como o son a Escola Universitaria de Relacións Laborais e a Escola Universitaria de Enfermaría.