Ir o contido principal
STG

Zendal reforza a súa aposta polo benestar animal coa participación na empresa emerxente do Campus Terra Innogando

Unha vaca co dispositivo Rumi, desenvolvido por Innogando, no pescozo
Unha vaca co dispositivo Rumi, desenvolvido por Innogando, no pescozo
A firma liderada polo veterinario cospeités Elio López canalizará a achega de capital da biotech galega cara á co creación de dispositivos Rumi, que permite xeolocalizar e obter información do estado dos animais, e a súa comercialización internacional
Lugo

O grupo Zendal reforza a súa aposta pola saúde e o benestar animal coa súa participación na empresa emerxente do Campus Terra da USC, unha empresa liderada polo veterinario cospeités Elio López que destinará esta nova achega de capital á co creación de dispositivos Rumi, tal e como se coñece o sistema de localización GPS para gando que monitorea en tempo real o estado do animal e recompila toda a información nunha App para que o usuario poida acceder a ela cando o necesite.

A aposta de Zendal por Innogando e nomeadamente polo xeolocalizador Rumi, un dispositivo acaído para mellorar o benestar e tamén a produtividade do gando, constitúe un novo impulso para a start up galega Innogando, destacada no Ranking das Mellores 100 Startups de España 2021 polo seu labor nos campos da tecnoloxía aplicada ao sector gandeiro e a mobilidade

Alén desta primeira achega económica, cuxa contía podería verse incrementada nos vindeiros meses, segundo se desprende das negociacións que manteñen abertas Zendal e Innogando, a colaboración non se circunscribe unicamente a cuestións de financiamento, dado que o grupo do sector biofarmacéutico tamén ofrece a súa colaboración coa súa rede de distribución para a expansión de Rumi.

A participación en Innogando encádrase no proxecto ideado por Zendal para colaborar  con empresas emerxentes e confirma a aposta da biotecnológica con sede en Porriño pola co innovación e a transformación dixital no mundo da saúde e benestar. “O apoio a Innogando reflicte o noso compromiso coa investigación e o desenvolvemento nas áreas de saúde humana e animal, cun obxectivo final que é a mellora da calidade de vida e do benestar”, subliña o CEO de Zendal, Andrés Fernandez.

Mellorar a produtividade do gando

O proxecto de Innogando agromou no Campus de Lugo coa idea de dar resposta a unha demanda de dixitalización do sector gandeiro. Neste caso, para mellorar a calidade de vida dos profesionais a través da tecnoloxización de moitos sistemas e ao mesmo tempo ampliar a rendibilidade da súa granxa e reforzar o benestar animal.

A boa acollida rexistrada por Rumi, un dos desenvolvementos tecnolóxicos máis destacados de Innogando, permitiu un crecemento rápido da compañía que conta xa con dez traballadores, rexistra vendas a nivel nacional e, co respaldo do grupo Zendal, confía en poder dar o salto á venda internacional, xa que “neste tempo comprobamos a necesidade deste tipo de servizos e doutros nos que xa estamos a traballar”, destaca o CEO de Innogando, Elio López.

Innogando

Innogando nace en 2020 como un proxecto que une tecnoloxía e natureza a prol da dixitalización do sector gandeiro e co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos profesionais, a rendibilidade das explotacións gandeiras e o benestar animal. Con sede en Lugo, Innogando está integrada por un variado capital humano, do que forman parte gandeiros, veterinarios, enxeñeiros informáticos e electrónicos. O grupo Zendal, Xesgalicia e Vigo Activo apoian este proxecto.

 

Elio López amosa o dispositivo Rumi nas instalacións do Campus Terra
Elio López amosa o dispositivo Rumi nas instalacións do Campus Terra
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2022.