Botou a andar a I Xornada Internacional de Estudos Xacobeos

A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, organiza xunto ao Centro de História da Sociedade e Cultura e o Centro Interuniversitario de Estudos Camonianos, os dous pertencentes á Universidade de Coimbra, a I Xornada Internacional de Estudos Xacobeos que botou a andar este xoves 27 e estenderase ata o venres 28.
Este foro nace co obxectivo de presentar as últimas investigacións de universidades portuguesas e españolas sobre a peregrinación xacobea polos camiños de peregrinación de Portugal, hoxe considerados entre os máis importantes a nivel internacional. Entre os relatores cóntase coa presenza do profesor Paolo Caucci, presidente honorario do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; e Manuel Ferro, membro do Centro Interuniversitario de Estudos Camonianos da Universidade de Coimbra, experto en literatura italiana xacobea; e Filipa Araújo, pertencente ao mesmo centro e experta en literatura barroca xacobea.
As sesións teñen lugar no Auditorio do Colégio de Santo António da Pedreira, na Casa da Infancia Doutor Elysio de Moura, en Coimbra.