Ir o contido principal
STG

O coloquio ‘As cidades do poder en Hispania’ citará en Humanidades investigadores de 17 universidades de cinco países

Cartaz do coloquio intenacional 'As cidades do poder en Hispania'
Cartaz do coloquio intenacional 'As cidades do poder en Hispania'
O foro de análise de cidades representativas do poder romano na época imperial terá lugar do 23 ao 25 de outubro e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 15

O coloquio internacional ‘As cidades do poder en Hispania’ congregará do 23 ao 25 de outubro na Facultade de Humanidades do campus de Lugo máis de vinte historiadores e investigadores pertencentes a 23 universidades de cinco países europeos.

O obxectivo deste congreso internacional, promovido pola Facultade de Humanidades do campus de Lugo en colaboración co Departamento de Estudos Clásicos da Universidade do País Vasco, e en cuxa organización tamén colabora a Deputación e o Concello de Lugo, así como o Museo do Castro de Viladonga, céntrase na análise conxunta de cidades representativas do poder romano na época imperial. A intención dos promotores deste foro, dirixido polos profesores de Historia Antiga da USC María Dolores Dopico e Manuel Villanueva, xunto con Juan Santos Yanguas, catedrático da Historia Antiga da Universidade do País Vasco, é o estudo conxunto e comparado de cidades diversas na súa orixe e cun estatuto xurídico e unha estrutura urbana diferenciadas, pero que foron fundadas e/ou escollidas expresamente para representar o poder romano. Unha vez coñecido o cometido esencial e función administrativa e institucional destas cidades, os relatores convidados a participar neste foro tratarán de pescudar que hai máis alá do poder, coa pretensión de esclarecer se estas cidades tiveron tiveron influencia en cuestións económicas, de transformación territorial e social, incidencia nas sociedades e o impacto sobre as comunidades indíxenas. As persoas interesadas en participar como asistentes neste coloquio internacional, que se estrutura en 30 horas lectivas, poden facer a súa inscrición ata o 15 de outubro na páxina web www.usc.es/humanidades. O prezo da matrícula é de 30 euros para estudantes da USC e titulados desempregados, e de 50 euros para o resto de persoas interesadas. Os organizadores deste coloquio internacional teñen solicitado á USC a concesión dun crédito de libre configuración para os asistentes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2013.