O escultor João Cutileiro inaugura na USC a exposición 'A visita de Proserpina'

En colaboración co Instituto Camões portugués, a Vicerreitoría de Cultura inaugurou este mércores, día 25, no Colexio de Fonseca, a exposición ‘A visita de Proserpina’ do escultor lisboeta João Cutileiro, que permanecerá aberta ata o 20 de maio. A través dunha selección de trinta obras, os visitantes poderán admirar, por primeira vez en Galicia, como na escultura de Cutileiro a transformación vexetal parece acentuar a exuberancia erótica dos corpos. Ao acto de apertura asistiron, entre outros, o propio artista, o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o coordinador do Instituto Camões, Samuel Rego; o comisario da exposición, Joaquim Caetano; e o director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Rubén Lois González.
O mito de Proserpina, a fila de Ceres, deusa da vexetación e da fertilidade agrícola, raptada por Plutón e que regresa anualmente dos infernos nunha explosión de cores, explicaba a enerxía vital da Primavera, o rexurdir da vexetación tras o longo inverno. É sobre a visita de Proserpina que João Cutileiro presenta nesta exposición obras fundadas diferentemente nese espectáculo da natureza atinxindo a plenitude.
A obra de CutileiroA importancia de João Cutileiro na escultura portuguesa contemporánea é enormemente significativa, “sobre todo na ruptura coa tendencia monumental presente nas teses formalistas” e na introdución dun novo vocabulario artístico, “pleno de vitalidade, alegría e erotismo”, como explicou o representante do Instituto Camoes en Galicia, Samuel Rego, na roda de prensa celebrada esta mañá. O autor portugués, que xogou un papel esencial na historia da cultura portuguesa do século XX, rachou na década dos 70 coa escultura tradicional e académica, acrecentándose nas últimas décadas co tratamento de temas non comúns na escultura.
Ademais, segundo puxo de manifesto o comisario da mostra, Joaquim Caetano, o artista portugués foi o primeiro en empregar instrumentos mecánicos na súa escultura, cortando a pedra case de maneira industrial, “o que supuxo outra revolución co establecido ata o momento”.
A exposiciónA mostra presenta unha selección da obra do artista portugués que recolle unha gran variedade temática: árbores, flores, pero tamén as súas figuras bífidas, corpos femininos dotados dunha gran carga sexual que se encadran dentro da súa etapa máis experimental, que permitirán descubrir esa dialéctica entre o clasicismo e o modernismo e a súa aposta polo mármore como o material máis nobre para a escultura. Son un total de 30 pezas escultóricas realizadas entre 1996-2006, das seguintes series da súa produción: ‘Proserpinas’, ‘Árvores’, ‘Piteiras’, ‘Flores’, ‘Homenagens a Mapplethorpe’, ‘Orquídeas’ e ‘Rosas’.
Con esta exposición, na que colaboran a Deputación da Coruña e a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, a Universidade compostelá pretende dar a coñecer en Galicia a figura dun dos máis recoñecidos artistas lusos, nome de primeira fila na plástica escultórica actual de Portugal. Significativamente aberta no día 25 de abril, a USC pretende conmemorar unha relevante data cun artista “que foi quen de revolucionar o panorama academicista do período de Salazar”, como manifestou o vicerreitor na roda de prensa.
CutileiroNado no seo dunha familia acomodada, desde neno João Cutileiro (n. 1937) estivo en contacto co panorama intelectual portugués, o que propiciou que tomase contacto con artistas, escultores e críticos da época, principalmente do movemento Surrealista. Estudou modelado, pintura e cerámica e en 1951 -aos 14 anos- realiza a súa primeira mostra individual. Nese ano tamén viaxa a Florencia onde o contacto coa obra de Miguel Anxo suporá a súa aposta definitiva pola faceta escultórica e será o mármore a materia principal na que realice as súas producións, rompendo deste xeito cunha tradición lusa que tiña no bronce o material máis digno para a escultura.
A súa obra toma contacto con varias fontes e estilos: por unha parte a arte moderna -a Abstracción e o Surrealismo-, pero pola outra a arte clásica tanto a do Renacemento como a de Grecia e Roma, sendo Alberti, Rodin, Brancussi, Moore, Picasso e o propio Miguel Anxo os escultores que máis inflúen na súa obra.