Ir o contido principal
STG

Mens sana in corpore sano

Estudantes na piscina universitaria
Estudantes na piscina universitaria
Desde a Antigüidade deuse por sentado que o exercicio físico é unha axuda fundamental para a saúde xeral do corpo que beneficia tamén a capacidade de concentración e o benestar mental.

A USC trasladou aos seus Estatutos a importancia da práctica deportiva como parte da formación do estudantado e un servizo de interese para todos os membros da comunidade universitaria e deixou plasmado o seu compromiso coa promoción dunha "acción deportiva integral, saudable, diversa e para todas as persoas, co máximo respecto polo noso medio ambiente e a nosa cultura".

Miguel Magán, director do Servizo de Deportes da USC, avoga pola práctica deportiva como unha actividade que favorece a concentración, o esforzo intelectual ou a memoria. "Interromper as horas de estudo para facer unha práctica deportiva está demostrado que favorece a fixación de contidos e ao rendemento académico en xeral", indica. Magán destaca asemade a achega do deporte para a consolidación e adquisición de hábitos de vida saudables, para a educación en valores, así como a súa faceta social, como espazo de socialización das persoas.

Os números subliñan a boa acollida da práctica deportiva nos campus da USC: de setembro de 2018 a agosto de 2019, as distintas actividades do Servizo de Deportes sumaron 8.779 usuarios. Cadaquén ten os seus motivos para poñerse as zapatillas deportivas, facer horas no tatami ou liberar unhas brazadas na piscina, entre outras moitas actividades deportivas posibles, e iso explica a resposta masiva da comunidade universitaria á oferta do Servizo de Deportes: cada curso case un terzo dos universitarios da USC participan nalgunha das actividades programadas.

A oferta deportiva abrangue desde a práctica libre ata a competición universitaria coas ligas dos equipos que participan en campionatos galegos, de España ou nos Xogos Galaico Durienses. Por outra parte, está o deporte federado, a través das diversas sección do club USC, onde pode participar toda persoa que queira, sexa universitario ou non. E, como oferta para todos os públicos, as escolas deportivas de, entre outras, natación, tenis, atletismo ou actividades aeróbicas como zumba ou step. E coma na USC, deporte e estudos van da man, participar nas escolas deportivas permite obter créditos ECTS dos estudos de Grao.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.