Menús en Transición, unha alternativa de consumo responsable na USC

A comunidade universitaria de Santiago terá a oportunidade de consumir a vindeira semana un menú completo con produtos con certificación ecolóxica. Trátase dunha experiencia piloto do programa USC en Transición impulsado pola Oficina de Desenvolvemento Sostible. ‘Menús en transición’ busca promover o consumo responsable en restaurantes da universidade. Para iso, do 23 ao 27 de abril o restaurante universitario Burgo das Nacións (Campus Norte) e o da Facultade de Matemáticas (Campus Sur) ofrecerán ao mesmo prezo que o resto un menú elaborado con produtos ecolóxicos, de tempada e locais. Granxa Familiar A actividade está organizada en colaboración con Granxa Familiar, un proxecto universitario promovido polo Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio que creou unha plataforma dixital para pór en contacto directamente a produtores e consumidores. Os valores fundamentais deste proxecto son o respecto polo medio ambiente, a saúde pública, o comercio xusto e a responsabilidade social. USC en Transición USC en Transición está a traballar en Santiago na difusión das vantaxes de hábitos de consumo responsable na alimentación como un dos piares das comunidades en transición. A USC foi a primeira institución universitaria española en adoptar esta filosofía, coa que se pretende dinamizar á comunidade universitaria da USC para pór en marcha procesos participativos que contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade.