Ir o contido principal
STG

Unha ponte entre Galicia e o mundo

Estudantes de intercambio
Estudantes de intercambio
Cando hai 20 anos o alumnado máis diverso que podiamos ver nas universidades galegas procedía dos países do Leste, non imaxinabamos o enorme pulo que a mobilidade internacional ía experimentar en pouco tempo. Entón falabamos só dos Erasmus e ese programa era practicamente o único que o estudantado podía empregar para acceder a unha experiencia académica no exterior.
Lugo, Santiago de Compostela

Hoxe en día as cousas cambiaron moito no eido da mobilidade universitaria e a USC recibe cada ano máis de 1.100 alumnos internacionais de 50 países distintos como China, Xapón, Líbano, Marrocos, Palestina, Exipto, Afganistán, México ou Colombia. E só no último curso arredor de 600 estudantes da USC participaron nalgún programa que lles levou ao estranxeiro. “Debemos romper a identificación de mobilidade con Erasmus+ xa que, aínda que sexa o programa máis recoñecido con 30 anos de historia, a internacionalización tivo un avance espectacular na última década e na actualidade existen posibilidades de mobilidade con practicamente todo o mundo grazas aos acordos que temos en marcha”, explica Anne Forryan, xefa do Servizo de Relacións Exteriores da USC.

O propio modelo da mobilidade mudou nos últimos anos coa súa extensión a outros segmentos da comunidade universitaria, máis alá dos estudantes de grao. Deste xeito, poténciase tanto a internacionalización do persoal docente e investigador como de administración e servizos. E en 2018 comezouse a promover a mobilidade tamén do alumnado de doutoramento, polo de agora unicamente en países europeos.

Os galegos temos gravada na biografía colectiva e familiar a emigración, coa mirada posta máis aló das nosas fronteiras; mais esta nova mobilidade internacional da USC, redimensionada nos últimos tempos, vencella Galicia co mundo a nivel académico, pero tamén social, e contribúe a que a xente de aquí e acolá sitúe a nosa comunidade no Globo dun xeito natural. A USC, grazas ao seu traballo de internacionalización, converteuse nunha sorte de ponte entre Galicia e o Mundo no intercambio de coñecemento

Soraya Márquez Romero. Estudante de Relacións Económicas Internacionais

 

 

Estamos a falar de máis de 1.000 estudantes estranxeiros que apostan por Galicia para a súa formación, e a escolla da USC non é casual. A propia Universidade lanzou no pasado curso unha enquisa para coñecer a valoración dos estudantes internacionais e os datos amosan un alto índice de satisfacción: 9 de cada 10 afirman que repetirían a súa experiencia na USC. Neste sentido a experiencia demostra que o alumnado que chega para cursar algún tipo de programa é moi importante como prescriptor da USC no exterior, e segundo a enquisa realizada polo Servizo de Relacións Exteriores, a metade do novo estudantado recala na USC debido a unha recomendación en base a unha experiencia positiva que tivo. Aspectos como a seguridade das cidades, o custo de vida, a gastronomía ou incluso as conexións internacionais aéreas estarían tamén entre as cuestións mellor valoradas polo alumnado estranxeiro.

As principais vantaxes que proporciona a mobilidade están recollidas nun estudo que fixo a Comisión Europea, onde se destacan sobre todo as oportunidades laborais que se abren. Tras unha experiencia de intercambio internacional na universidade o alumnado adquire destrezas como o coñecemento de idiomas e culturas, e tamén o que en ámbitos de recursos humanos se chama soft skills, que moito valoran no eido empresarial. Son habilidades alén do ámbito académico, que se van adquirindo coas distintas experiencias vitais, como a empatía, a capacidade de relacionarse, de traballar en equipo ou e de ter outros recursos para abordar diversas problemáticas cotiás.

Na USC todos os asuntos relacionados coa mobilidade internacional pasan polo Servizo de Relacións Exteriores. Tradicionalmente a Universidade tiña dúas áreas de traballo principais, a docencia e a investigación. Pero no século XXI intégrase tamén un terceiro compoñente: a cooperación entre universidades. Neste contexto, a actividade do Servizo de Relacións Exteriores diversificouse en torno a tres eixos: programas de mobilidade e atención ao alumnado participante, proxectos europeos de cooperación entre universidades e captación de alumnado.

 

Xanela única para atención á mobilidade

A USC ten actualmente 600 convenios de mobilidade asinados, o que implica posibilidades de mobilidade con practicamente todo o mundo. Os programas con Iberoamérica, por motivos históricos e culturais, son os máis consolidados, pero cada vez veñen máis estudantes de países do norte de África, Canadá, Australia, Oriente Medio ou Estados Unidos. Actualmente, as comunidades internacionais nas numerosas son a mexicana, chinesa, italiana, alemá e polaca.

Desde 2017 existe, ademais, unha unidade específica de atención, tanto para ese alumnado que chega desde o estranxeiro como para o estudantado da USC que quere información sobre as posibilidades de mobilidade. Trátase do Centro de Benvida Internacional, situado fisicamente no Colexio de Fonseca, en Santiago. O International Welcome Centre pretende ser unha xanela única de atención a ese alumnado para axudalo e asesoralo en todo o proceso no que atinxe a trámites administrativos ou de tipo loxístico, para obteren así toda a información que requiran. “O estudantes estranxeiros son recibidos ao chegaren por persoal cualificado, que coñece a súa lingua e cultura e son orientados e atendidos en todo momento tanto en cuestións burocráticas e administrativas como en aspectos prácticos sobre a vida en Galicia”, explica Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización.

Ademais do programa Erasmus+, que nos últimos anos estendeu as súas fronteiras máis alá de Europa, a USC xestiona tamén os programas bilaterais, para intercambio de estudantes sobre todo a  Iberoamérica, e o novo programa PATEX (Programa de Atención a Estudantes Extracomunitarios), dirixido a estudantes extracomunitarios.
 

Líder en proxectos de cooperación entre universidades

Cambio climático, lingüística computacional, axuda a persoas refuxiadas, modernización da educación ou emprendemento feminino na India... as temáticas que abranguen os proxectos de cooperación son moi variadas pero sempre teñen en común o feito de poder intercambiar coñecementos con membros de universidades doutros países e doutras culturas, ao tempo que se fai investigación e se achegan solucións para beneficio de toda a sociedade. “Os proxectos de cooperación entre universidades propician sinerxías entre institucións para xuntar recursos e poder acometer proxectos de maior dimensión en común”, destaca o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización.

A USC rexenta o terceiro lugar na clasificación das universidades europeas en coordinación de proxectos, e o primeiro posto en España alternándose coa Universidade de Granada. Esta aposta pola cooperación entre universidades veuse referendada na resolución da última convocatoria de proxectos presentados nas institucións europeas, na que a USC captou preto de cinco millóns de euros logo de ser elixida coordinadora de tres proxectos, o máximo que permite a convocatoria, e socia participante en oito máis. En concreto, estas iniciativas buscan favorecer o desenvolvemento de capacidades en materia de ensino superior e xuventude, en distintas rexións do continente asiático.

Un dos máis recentes programas liderado pola USC foi Unintegra, cofinanciado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea. O programa, desenvolvido en colaboración coa Universidade do Minho e a Nacional de Atenas desde finais de 2017 a finais de 2019, promovía o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida. Con esas premisas executáronse accións concretas como a formación para traballadores sociais en contacto con refuxiados; aulas para as persoas solicitantes de asilo, para axudalos en accións como validación de títulos; ou iniciativas culturais sensibilizadoras como exposicións de fotografía ou un ciclo de cine.

No eido da investigación, o programa Unintegra elaborou unha proposta, remitida á Comisión Europea, con tres ferramentas básicas para a intervención desenvolvidas polo Servizo de Xestión Académica. Por unha banda, propón melloras no proxecto xa existente de Pasaporte Europeo de Cualificacións para Refuxiados. Por outra, o desenvolvemento dunha rede interactiva de contactos institucionais, universitarios e internacionais de intercambio de información e datos. E, por último, a creación dun punto único de acceso á información para os refuxiados, unha xanela única europea para o recoñecemento académico e profesional de cualificacións de terceiros países. Ademais, desde o Grupo de investigación Esculca da Facultade de Ciencias da Educación investigouse a integración nas sociedades de acollida deste colectivo. Os resultados deste traballo incidiron no papel determinante que xoga a escola na cohesión así como na implicación das familias nas ANPAS dos centros educativos.
 

Captación internacional

A captación de alumnado é tamén un labor fundamental do Servizo de Relacións Exteriores, e constitúe case un imperativo na actualidade dado o contexto demográfico galego e a conxuntura económica actual. Este traballo execútase coa presenza da USC nas feiras internacionais de networking e de captación de alumnado de grao e postgrao máis relevantes do sector. “Hai zonas máis consolidadas, como é o caso de Iberoamérica, e logo hai rexións as que se vai con carácter prospectivo”, explica Víctor Arce.

Neste contexto, nos últimos anos a USC estivo presente en feiras en China, Rusia, Corea, Malaisia, Myanmar (antiga Birmania) ou Xapón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2019.