Ir o contido principal
STG

Estratexia científica

A estratexia científica guía o desenvolvemento da investigación realizada no IPsiUs, arredor de tres retos que aliñados coas prioridades definidas nas políticas de I+D+i autonómicas, estatais e europeas.

A investigación científica en Psicoloxía ten como obxecto de estudo o comportamento e os procesos mentais, coa finalidade de comprender como perciben, senten, pensan e actúan as persoas. Busca coñecer e explicar os procesos cognitivos, afectivos e sociais que sustentan o comportamento, normal e patolóxico, para poder predicilo e contribuír á mellora da saúde e do benestar das persoas e, por extensión, das comunidades.

Na sociedade occidental actual, e no noso contorno máis inmediato, é innegable o recoñecemento acadado pola Psicoloxía nas últimas décadas. Actualmente, esta disciplina está presente no ámbito da saúde, para a atención a trastornos e problemas de saúde mental e física; no ámbito educativo e escolar, para contribuír ao desenvolvemento cognitivo e socioafectivo saudable e aos procesos de aprendizaxe; nos contornos laborais, para a organización dos recursos humanos e a preservación da saúde laboral; no eido sociocomunitario, achegando ferramentas e recursos para a inclusión, os coidados e o benestar de persoas e colectivos vulnerables. Deporte, tráfico, seguridade, emerxencias, xustiza, mediación en conflitos, maiores... son campos nos que a intervención psicolóxica se vén afianzando ao longo dos anos.

Desde o sistema de investigación, cómpre achegar o coñecemento básico e os desenvolvementos aplicados que fornezan as bases conceptuais e a evidencia científica na que sustentar a actuación profesional nestes ámbitos, así como achegar ferramentas de avaliación e de intervención eficientes sustentadas nesa evidencia.

A axenda científica do IPsiUS pretende articular a experiencia e o potencial investigador dos grupos promotores, e daqueloutros que se incorporen posteriormente, arredor de tres retos que atendan ás necesidades dese contorno profesional en aliñamento coas prioridades definidas nas políticas de I+D+i autonómicas, estatais e europeas:

  • Promover saúde e benestar defínese como un primeiro reto que consiste en achegar novas e melloradas estratexias para a prevención e a intervención psicolóxica en saúde, particularmente nas problemáticas máis acusadas no noso contorno social, incluíndo o deterioro asociado ao envellecemento, os desafíos da enfermidade crónica ou as adiccións.
  • Desenvolver sociedades inclusivas e diversas aborda os procesos que afectan á adaptación social de colectivos vulnerables, co fin de dotalos de recursos fortalecedores, que faciliten a inclusión atendendo á súa diversidade psicolóxica, social e funcional. Aténdese tamén aos procesos de participación política en contextos contemporáneos de crise, e ao estudo psicosocial de fenómenos que ameazan a convivencia.
  • Contribuír á sociedade dixital e á sostibilidade constitúe outro dos retos, abordable mediante o deseño, adaptación e validación de ferramentas dixitais para a avaliación e a intervención psicolóxica no marco de desenvolvementos en e-Health, o deseño de programas que melloren o custe-eficiencia da prevención e intervención psicolóxica, ou o desenvolvemento de estratexias de xestión de riscos psicosociais no ámbito laboral.

O afrontamento destes retos farase desde a dobre vertente, básica e aplicada. A investigación básica dos procesos psicolóxicos, representada no eixe transversal, debe achegar o fundamento conceptual e experimental sobre o que se sustente a investigación de desenvolvementos aplicados en todos e cada un dos retos que articulan a axenda científica, que poidan, como obxectivo último, ser transferidos para a súa aplicación no exercicio profesional da psicoloxía e doutras disciplinas orientadas ao benestar das persoas e da comunidade.

A proposta que se presenta a continuación estrutúrase, pois, arredor destes tres retos. Para cada un deles defínese un conxunto de eixes temáticos que engloban as liñas de investigación específicas. Cómpre explicitar que algunhas das liñas se veñen desenvolvendo desde hai anos, están ben consolidadas e aspírase a que se vexan potenciadas polo marco para o traballo conxunto que posibilitará o instituto; outras liñas, en cambio, son novas e configuran campos de desenvolvemento futuro para os que este marco, e as sinerxías que facilite, serán esenciais.

A axenda inclúe tamén un eixo transversal, que se ocupa dos procesos cognitivos e afectivos que están na base do comportamento humano, e que serven de fundamento para o desenvolvemento das facetas máis aplicadas da psicoloxía.

A seguir, enúncianse os eixos en que se estruturan estes retos e as liñas de investigación en que se despregan, nesta primeira etapa do Instituto. Esta información atópase máis detallada na Memoria de Creación do Instituto.

O primeiro reto da axenda científica do IPSIUS, ”Promover saúde e benestar”, enfócase a achegar novas e melloradas estratexias, desde a psicoloxía, para a abordaxe de problemas de primeira orde nas nosas sociedades. Especificamente, este reto artéllase en tres eixos: o envellecemento, a enfermidade crónica e  as condutas adictivas e, dun modo máis xeral, aquelas condutas que poñen en risco a saúde e o benestar.

Eixe 1.1: Envellecemento saudable

Liñas de investigación

  • Caracterización cognitiva, neurocognitiva e condutual do proceso de envellecemento
  • Identificación temperá de marcadores bio-psico-sociais e de factores de risco no envellecemento patolóxico
  • Desenvolvemento de instrumentos de avaliación e de programas innovadores de intervención para persoas maiores

Eixe 1.2: Intervención en procesos de enfermidade

Liñas de investigación

  • Calidade de vida e intervención psicolóxica na enfermidade física
  • Intervención neuromodulatoria en procesos de enfermidade

Eixe 1.3: Condutas de risco e adiccións

Liñas de investigación

  • Mecanismos etiolóxicos das condutas de risco
  • Consecuencias neurocognitivas, psicosociais e psicopatolóxicas das condutas adictivas
  • Prevención das condutas de risco e adiccións
  • Tratamento psicolóxico das adiccións

O segundo reto da axenda estratéxica do IPsiUS, “Desenvolver sociedades inclusivas e diversas”, aborda os procesos que afectan á adaptación social de colectivos vulnerables, co fin de dotalos de recursos fortalecedores, que faciliten a inclusión atendendo á súa diversidade psicolóxica, social e funcional. Aténdese tamén aos procesos de participación política en contextos contemporáneos de crise, e ao estudo psicosocial de fenómenos que ameazan a convivencia.

Eixe 2.1: Vulnerabilidade psicosocial e resiliencia

Liñas de investigación

  • Fraxilidade, reserva e resiliencia en persoas maiores
  • Exclusión/inclusión e adaptación social en menores vulnerables

Eixe 2.2: Equidade e diversidade

Liñas de investigación

  • Perspectiva de xénero na investigación sobre a linguaxe e o desenvolvemento
  • Axuste psicosocial en períodos vitais críticos: adultez emerxente e envellecemento

Eixe 2.3: Sociedade cambiante

Liñas de investigación

  • Participación cidadá en contextos de crise
  • Procesos psicosociais preditores do extremismo político

A saúde dixital é un campo emerxente que utiliza as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) para a abordaxe de necesidades relacionadas coa saúde. Os recursos e técnicas de e-Health están chamados a facilitar os procesos de avaliación e intervención psicolóxica. Mais é preciso establecer a súa utilidade e eficacia para esas fins, nos diferentes ámbitos da psicoloxía e para distintos perfís de poboación; desenvolver protocolos que teñan en conta consideracións éticas, legais e de relación terapeuta/paciente; avaliar o seu custo-eficiencia (considerando os custos e o valor social extra-financeiro, como o valor ambiental, social e económico para o conxunto da sociedade). E, ao tempo, achegar a perspectiva psicolóxica ao problema das fendas que afectan á igualdade e á participación social, particularmente en relación coa tecnoloxía e coa comunicación.

Eixe 3.1: Ferramentas dixitais (e-Health) para avaliación e intervención psicolóxica

Liñas de investigación

  • Avaliación dixitalizada
  • Intervención psicolóxica con ferramentas dixitais

Eixe 3.2. Custo-eficiencia da prevención e intervención psicolóxica

Liñas de investigación

  • Diseminación eficiente de programas infanto-xuvenís
  • Eficacia, efectividade e rendibilidade das intervencións organizacionais para a prevención dos riscos psicosociais e a promoción da saúde no traballo
  • Avaliación de programas preventivos: custe-eficiencia e valor social

Eixe 3.3: Fendas dixitais e lingüísticas

Liñas de investigación

  • Estudos psicolingüísticos en Galicia
  • Fendas dixitais no envellecemento: innovación na formación especializada para a atención a adultos maiores

Os procesos psicolóxicos son as actividades cognitivas e afectivas que teñen lugar na mente humana, que nos permiten procesar, organizar, almacenar e utilizar a información que recibimos do contorno. O estudo dos procesos psicolóxicos (percepción, atención, aprendizaxe, memoria, produción e comprensión da linguaxe, pensamento, complementados todos eles pola motivación e as emocións) é fundamental para comprender o funcionamento da mente e o comportamento humanos.

A investigación básica en psicoloxía céntrase na obtención de coñecementos científicos sobre o funcionamento destes procesos. Coñecer como funcionan é imprescindible para calquera aplicación práctica da psicoloxía, polo que este eixo sitúase como transversal ao conxunto da axenda.

Liñas de investigación

  • Procesos de aprendizaxe e control cognitivo
  • Procesamento da linguaxe
  • Caracterización neurocognitiva de procesos psicolóxicos
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.08.2024.