Ir o contido principal
STG

Campus de Lugo

No Campus de Lugo teñen a súa sede cinco facultades, unha escola politécnica superior e dúas escolas universitarias adscritas que suman, na actualidade, algo máis de 8000 estudantes, e achega unha oferta académica de 17 grados, 12 másteres e 9 programas de doutoramento.

Campus de Lugo

 

Agás a Facultade de Formación do Profesorado, o centro universitario máis antigo de Lugo, e o Pazo de Montenegro, sede do Vicerreitorado de Coordinación de Lugo e do Museo Universitario do Domus de Mitreo, os centros, os institutos de investigación (IBADER, Centro de Estudos da Historia da Cidade…) e as instalacións dos servizos universitarios (Biblioteca Intercentros, Residencia Universitaria Jesus Bal y Gay, Hospital Clínico Veterinario, CACTUS…) localízanse no campus ao sur da cidade.

En Lugo, até a década dos 70 do pasado século, a oferta de ensino superior estaba reducida ás diplomaturas que ofrecían a Escola Normal de Maxisterio, a Escola Pericial de Comercio e a Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios. A primeira gran transformación de Lugo como cidade universitaria chega coa Lei Xeral de Educación de 1970, que contemplaba a incorporación das escolas técnicas de grao medio, as de Maxisterio e Comercio, como escolas universitarias e a creación de colexios universitarios. Así a creación do Colexio Universitario de Lugo e a incorporación á USC da Escola de Enxeñaría Técnica Agrícola en 1972.

Nos anos 80 do século XX medrou a oferta universitaria en Lugo con novas titulacións científicas e técnicas vinculadas ás actividades agrogandeiras e forestais, que callan na creación da Facultade de Veterinaria en 1983 e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Esta integrará en 1993 as Escolas Universitarias de Enxeñaría Técnica Agrícola e de Enxeñaría Técnica en Explotacións Forestais, ademais da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos e a Escola Técnica Superior de Montes. A partir de 2003 imparte tamén titulacións de enxeñaría civil.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.12.2019.