A ETSE colabora no desenvolvemento de software de analítica avanzada para baloncesto
O software, que calcula estatísticas e visualizacións avanzadas sobre distintos aspectos do xogo, é utilizado na actividade diaria do
Monbus Obradoiro dentro dos seus procesos de preparación de partidos e análise de xogadores e estratexias.
Monbus Obradoiro dentro dos seus procesos de preparación de partidos e análise de xogadores e estratexias.
Santiago de Compostela
No ano 2017 botou a andar unha colaboración entre a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC, DXC technologies e a área de analítica de datos do Obradoiro CAB orientada ao deseño e desenvolvemento de software de apoio aos procesos de "scouting" no baloncesto profesional.
Ao longo deste anos, catro estudantes do Grao en Enxeñaría Informática (Diego Coladas Mato, Manuel González López, Lucas Souto Rendo e Pablo Martínez Rodríguez) orientaron o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) cara a esta temática, dando lugar a unha serie de ferramentas informáticas cun alto valor engadido para o análise e preparación de partidos, así como para o perfilado estatístico de posibles fichaxes.
Entre as funcionalidades deste software, atópanse a captura de datos procedentes de múltiples ligas profesionais, a análise e extración de información procedente das secuencias "play by play" e a visualización avanzada da carta de tiro (lugares da cancha onde os xogadores tenden a acertar/fallar os seus lanzamentos). Isto permite descubrir información valiosa que non se atopa nas estatísticas habituais dos partidos. Por exemplo, un pívot que captura 5 rebotes ten unha prestación boa si, cando estaba en cancha, houbo só 7 rebotes en disputa. Pola contra, si os rebotes en disputa foron 20 entón as súas 5 capturas poden resultar mediocres. Este tipo de información é extraíble polo software desenvolvido e, ademais, permite estudar distintas combinacións de xogadores, analizar as súas prestacións conxuntas e visualizar as zonas da pista onde cada quén finaliza mellor as súas accións.
Fran Camba, analista de datos para o Obradoiro CAB, é o principal promotor deste proxecto colaborativo no que por parte da ETSE participa David E. Losada (profesor da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Articial e investigador adscrito ao CiTIUS) e por parte de DXC technologies participa Adolfo Sanz.
A última versión desta ferramenta foi presentada na ETSE esta semana por Diego Coladas, quen deseñou novas funcionalidades orientadas a extraer e analizar o tempo de posesión, cruzar esta información coas distintas accións do xogo (tiros, faltas, asistencias, etc.) e facer visualizacións das mesmas. Coñecer cantos segundos de posesión restan no momento no que sucede cada acción permite, por exemplo, analizar qué xogadores funcionan mellor en momentos importantes do xogo (por exemplo, coñecer quen acerta mais nos últimos segundos da posesión ou quen finaliza mellor e en qué lugares da pista).
Esta exitosa colaboración entre ETSE, DXC technologies e Monbus Obradoiro continuará no próximo curso coa proposta de novas ampliacións a este ambicioso proxecto.