Saúde visual infantil e innovación docente
O alumnado do Grao en Óptica e Optometría da USC participa nun novo screening visual pediátrico a través dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo
O alumnado de terceiro curso do Grao en Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela participou, por noveno ano consecutivo, nun screening visual pediátrico desenvolvido no marco da materia Clínica Optométrica III, en coordinación co Servizo de Optometría da USC.
A iniciativa levouse a cabo antes do nadal en colaboración coas entidades santiaguesas Arela e CaixaProinfancia, ambas centradas na atención a nenos, nenas e adolescentes en situación de vulnerabilidade social e risco de exclusión. As revisións realizáronse ao longo de catro xornadas diferentes.
No conxunto da actividade foron avaliados 63 menores, con idades comprendidas entre os 4 e os 15 anos, co obxectivo de detectar de maneira temperá posibles alteracións visuais e contribuír á prevención de problemas que poidan afectar ao seu desenvolvemento académico e persoal.
Este programa de screening visual mantívose de forma continuada ao longo dos anos, incluso durante o período da pandemia da COVID-19, consolidándose como unha experiencia formativa e social de referencia para o estudantado do grao.
A actividade enmárcase nos Proxectos de Innovación en Aprendizaxe-Servizo (ApS) promovidos pola USC, que permiten integrar a aprendizaxe académica coa prestación dun servizo á comunidade, reforzando o compromiso social da universidade e a formación práctica do seu alumnado.